lunes, 20 de enero de 2014

Os meus avós paternos

Desta vez, falareivos da historia dos meus avós paternos, Jaime López Gabeiras e Clara Romeo Coba.

Tiveron varias cousas en común desde o momento en que naceron, pois naceron o mesmo día e no mesmo ano, o 13 de outubro de 1924.

Meu avó naceu en Abade (Moeche) e miña avoa en Cerdido. Outra coincidencia que tiveron foi que quedaron orfos de pai e nai de nenos, o avó con nove anos e a avoa con cinco.

Pola parte do meu avó xa vos contei algo da historia de seus pais e de como quedou só cos irmáns. Unha vez que os seus pais morreron os seus irmáns máis vellos, Julio e Lino, foron para a guerra, loitando a favor de Franco; as irmás, Lucha e Delfina, quedaron a vivir con dúas veciñas que traballaran para seus pais; e meu avó, Jaime, foi acollido na casa duns tíos paternos en As Somozas, tendo que empezar a traballar desde o primeiro momento que chegou alí, sen ter traballado nunca xa que cos seus pais non era necesario, porque tiñan de todo e vivían ben. Vivindo aquí ao principio pasábao mal por ter que adaptarse ao novo modo de vida. Referente a isto, a miña tía avoa Delfina, non fai moito comentábame que a raíz da desgracia que pasaron, cambiaron a súa forma de ser de nenos, que era un pouco soberbia ás persoas humildes que son hoxe.

Pola parte da miña avoa sei que quedou orfa con cinco anos, xa que morreu súa nai e o seu pai non foi recoñecido. Ela foi criada pola súa tía, Flora, que era a súa madriña, e tamén tivo que traballar desde pequena e aprendeu o oficio de costureira.

Anos despois, meu avó voltou para Abade e viviu cun familiar ata que coñeceu a Clara.

Eles comezaron a verse nas festas do lugar con 19 anos, empezaron a tratarse e fixéronse noivos, estiveron cinco anos xuntos e casaron con 24 anos.

A partir de aquí viviron en Abade, dedicándose en gran parte á agricultura, de feito, o meu avó foi sempre o secretario da sociedade gandeira da comarca. Tiveron cinco fillos, levando unha vida tranquila e feliz, ata que morreu miña avoa no 2012, quedando meu avó que vai cumplir os 90 anos estando perfecto para a idade que ten.

Nesta foto a muller da esquerda é miña avoa, o home da dereita meu avó, a muller do centro é irmá do meu avó, Delfina, e o home ao seu carón é o seu marido. Os catro nenos son meu pai e seus irmáns, aínda que non todos, o quinto aínda viña en camiño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario