Estes son Vicente e María, os meus bisavós. |
Estivo alí traballando máis ou menos vinte anos, despois, voltou para Galicia, unha vez que gañou ben cartos. Ao pouco tempo, coñeceu unha rapaza, María, casaron, e fixeron vida en Abade (Moeche). Cos cartos do meu bisavó, mercaron unha edificación que era pousada e casa de comidas, e tamén ao lado outra edificación que era tamén pousada e cuadra de cabalos dos transportes de carruaxes que facían a ruta de Ferrol-Viveiro. Estas compras convertíronas noutros negocios, na primeira montaron un bar e tenda que tiña de todo, desde alimentación ata ferramentas ou roupa, sendo a primeira da zona e única durante moitos anos, feito que lles deu moitas ganancias. Anos máis tarde, cando a outra edificación deixou de ser cuadra de cabalos, convertírona en escola mixta, para nenos e nenas.
Tempo despois, José, o irmán de Vicente que emigrara xunta el, veu de visita para ver a toda a familia. Fixeron unha reunión na casa paterna en As Somozas, unha comida á que foron os familiares. Era unha tarde de inverno na que había tormenta, o tío José viña con abalorios de ouro, feito que atraeu un raio que se meteu pola cheminea e cruzou a estancia ata chegar a el e ferilo de morte, sendo o único danado naquel suceso.
Tras a morte de José, seguiu unha época de éxito para Vicente e María, e tiveron cinco fillos, Julio, Lino, Lucha, Jaime (meu avó) e Delfina.
A traxedia chegou cinco anos despois do nacemento da filla máis nova, morreu Vicente, con 63 anos, e ao ano seguinte, María, con 51 anos, quedando os fillos moi novos orfos de pai e nai, e os seus negocios nos que tanto traballaran quedaron sen coidado e abandonados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario