martes, 20 de mayo de 2014

Como será Galicia en 30 anos...?

Boas, atopámonos no ano 2040 e durante os últimos 30 anos fomos testigos do empeoramento do noso entorno. É preciso que se comecen a tomar medidas para mellorar este aspecto e correxir erros que se puideran dar ata agora, xa é hora de darlle a atención que se merece á nosa natureza.

Para empezar, quero facer especial fincapé nas praias galegas. Unhas praias que foron un orgullo para tódolos galegos, pola súa limpeza e calidade, de feito, durante varios anos da primeira e ata a segunda década deste século, eran consideradas das mellores praias do país, chegando a contar con ata 128 bandeiras azuis no ano 2013, un coñecido distintivo de calidade outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Este distintivo comezou a outorgarse cada vez a menos praias galegas a partir do ano 2020, a causa foi a desatención dos nosos areais, xunto con cada ano máis temporais que azotaron a nosa costa e non se loitou o suficiente para voltar a situación das praias a como estaban antes e o coidado dos paseos marítimos. Actualmente o número de bandeiras azuis situase en 78, moi lonxe das alcanzadas fai trinta ou corenta anos.


Outro punto ó que é moi importante tamén darlle atención é a situación dos nosos montes. Galicia sempre tivo unha gran porcentaxe de monte e bosque que hoxe en día está mermada e descoidada en gran parte. Unha das principais razóns para chegar a esta situación foi que unha boa parte dos nosos bosques sempre estiveron abandoados e cheos de maleza, outra que as características dos nosos bosques comezaron a cambiar cando se empezou a importar o eucalipto, especie coa que se empezaron a ver reducidas as zonas de fragas que eran tan típicas en Galicia, e a terceira e máis importante razón foron sempre os incendios forestais que teñen arrasado tanta masa forestal galega, aínda que sempre se falou de protexer máis os montes, de que estivesen máis limpos e penar ás persoas que se adicasen a prender lume nos mesmos, non chegou a dárselle a importancia esixida. 


Por isto debemos de concienciarnos todos por fin e débense crear unhas leis máis duras nestes aspectos para axudarlle á nosa terra a voltar ó esplendor de tempos mellores.

lunes, 21 de abril de 2014

Somos xente honrada

Nesta última entrada sobre a cultura galega, centrareime no mundo do cine, nunha película en concreto.

Somos xente honrada é o nome da película que triunfou nos premios Mestre Mateo, xa que gañou nada máis que seis premios: mellor largometraxe, dirección, guión, actor protagonista e de reparto, maquillaxe e peluquería.

Miguel de Lira, ou Antonio Durán "Morris" son dous dos famosos actores que participaron na película.


Miguel de Lira


Morris


Os protagonistas da película chámanse Suso e Manuel, dous pais de familia que son amigos desde sempre. Cumplidos os cincuenta anos, quedan sen traballo, e cando a situación xa é moi difícil, un día, mentres están pescando, atopan un paquete con dez kilos de cocaína.


Alejandro Marzoa


Este rapaz é Alejandro Marzoa, o director da película, naceu en Vigo no ano 1979 e trasladouse a Barcelona no 2001, onde se graduou na Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC) no 2006, na especialidade de Fotografía.

A continuación déixovos o trailer da película, a ver que vos parece:



Suso de Toro

Desta vez, a entrada tratará sobre outro escritor de grande éxito comercial.


Suso de Toro


Este é Suso de Toro, aínda que realmente se chama Xesús Miguel, naceu en Santiago, o 10 de xaneiro de 1956. Na universidade da súa cidade natal licenciouse en Arte Moderna e Contemporánea e traballou como mestre de ensinanza secundaria ata que decidiu deixalo para dedicarse de cheo á literatura. 

O seu irmán, Xelís de Toro, tamén é escritor.

Publicou en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio, os cales foron traducidos a varios idiomas; así como Polaroid, en 1986, Ambulancia, en 1990 ou Trece badaladas, no 2002; con esta última obra gañou o Premio Nacional de Narrativa e, posteriormente, esta obra sería adaptada ao cine por Xavier Villaverde.


Polaroid


Ambulancia


Trece badaladas


No ano 2010 anunciou o seu retiro como escritor e retoumou o seu posto de mestre de secundaria. 

Manuel Rivas

Nesta entrada falareivos dun escritor de moita sona que todos vós coñecedes e, seguramente, lestes os seus libros. Na actualidade está considerado como o escritor galego con máis proxección internacional, xa que a súa obra está traducida a vinte idiomas.


Manuel Rivas


Manuel Rivas naceu na Coruña, o 24 de outubro de 1957. Comezou como periodista aos 15 anos escribindo para El Ideal Gallego. Foi estudar a Madrid Ciencias da Información e colaborou en numerosos medios de comunicación, como El País, Diario de Galicia (do cal foi nomeado subdirector) e La voz de Galicia. Tamén presentou os programas da TVG Máis alá e O mellor.

No campo da literatura, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético Loia, na revista co mesmo nome, onde apareceron as súas primeiras composicións en 1977. Entre as súas obras máis destacadas están Que me queres, amor? (1996) e tamén O lapis do carpinteiro (1998). Ambas novelas que foron levadas á gran pantalla, a última protagonizada por Luís Tosar.


Que me queres, amor?


O lapis do carpinteiro

Francisco Asorey

Francisco Asorey

O home desta fotografía é o escultor Asorey, o cal está considerado por algúns críticos como unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX.

Despois de que Manolo na clase nos falara un pouco del, decidín buscar máis información e vouvos contar un pouco a súa vida.

Francisco Asorey naceu en Cambados, o 4 de marzo de 1889, polo tanto, hai pouco que se cumpliron 125 anos do seu nacemento. Aos 14 anos, marchou estudar a Barcelona, e alí obtivo os seus primeiros premios. Máis tarde, exerceu de mestre nun colexio de Bilbao.

En 1918, volve a Galicia e instálase en Santiago, onde casa e permanece ata a súa morte, o 2 de xullo de 1961. Aquí monta o seu propio taller de escultura, e envía as súas obras ás Exposicións Nacionais, obtendo gran éxito de crítica.

A continuación deixareivos algunha fotografía das súas esculturas máis relevantes.


Naiciña (1922, Arxentina)


Naiciña é o nome desta escultura, a cal é unha das máis famosas de Asorey. Na actualidade, atópase en Arxentina, xa que a trasladaron nos anos 20, e agora quérena traer para Galicia.


O tesouro (1924, Madrid)

Monumento a Curros Enríquez (1934, A Coruña)


Monumento a San Francisco (1926, Santiago)

Monumento a Ramón María Aller (1959, Lalín)

martes, 25 de febrero de 2014

Irmandiños en Moeche

Un dos escenarios das revoltas irmandiñas foi o castelo de Moeche; aquí, no ano 1.431, os vasalos oprimidos dirixidos polo fidalgo Roi Xordo, rebeláronse contra Nuño Freire de Andrade, que se atopaba nesta fortaleza, pero éste fuxiu, seguido dos sublevados (os cales derribaron parte do edificio) ata Pontedeume, pero os irmandiños, finalmente foron vencidos.




A segunda revolución Irmandiña protagonízase no ano 1.467, entón Moeche pertencía ó Conde de Lemos, o cal mandou ós irmandiños, tras ser derrotados, reconstruir todo o que destruíran no castelo.

O castelo de Moeche
Na actualidade, o castelo está completamente restaurado e pódese visitar, contén unha visita guiada e unha exposición histórica.

Dende o ano 1980 celébrase na fortaleza o Festival Irmandiño, para conmemorar e reivindicar, cun carácter festivo, o movemento dos Irmandiños, que se rebelaron contra o poder establecido, coas súas características de unión e defensa dos intereses populares.

Nesta festividade atoparás sardiñada, música, danza... e, sobretodo, moita esmorga; pódoche asegurar que non te arrepentirás de ir.

Cando chega a medianoite, os asistentes deste festival, armados con fachos, diríxese ao castelo, simulando a asalto dos irmandiños, para presenciar un espectáculo de pirotecnia.

A continuación, un breve vídeo con imaxes dun dos festivais no momento do "asalto" ao castelo:


Loita polos dereitos dos obreiros

Pablo Iglesias Possé, considerado o pai do socialismo en España, foi un político marxista, fundador do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e da Unión Xeral de Traballadores (UXT).


Pablo Iglesias
Nace en Ferrol, o 18 de outubro de 1850, fillo de Pedro Iglesias e Juana Possé. Tras morrer seu pai, el, seu irmán menor e súa nai desprázanse a Madrid a pé, esperando ser acollidos por un irmán da nai, pero ao chegar alí atópanse con que éste faleceu e quedan desamparados.

Intálanse nunha buhardilla e Pablo foi internado no Real Hospicio Xeral de Pobres de Ave María e Santo Rei Don Fernando, e alí aprendeu o oficio de tipógrafo. A causa de escaparse varias veces para ver á súa familia foi expulsado deste hospicio.

En 1870 será elexido delegado ao consello local da AIT; e un ano despois, aparecerá o primeiro escrito da súa autoría no boletín Solidaridad titulado «A Guerra». Tras isto, comezou a sufrir persecucións até que en 1874 conseguiu acceder á presidencia da Asociación Xeral da Arte de Imprimir.

Comezou a preparar dende a clandestinidade un novo partido político de corte obreiro-socialista, que culminou o 2 de maio de 1879 coa fundación do PSOE.

En 1885 abandoou a presidencia da Asociación Xeral da Arte de Imprimir, e en 1886 sae á luz o primeiro número de "El Socialista", revista fundada por el mesmo que se continúa editando na actualidade.

En 1888 fundou a UXT, accedendo á súa presidencia en 1889; este mesmo ano acudiu ao Congreso fundacional da Segunda Internacional como representante portavoz do PSOE, e en 1890 encabezou a primeira manifestación do 1 de Maio en España, na que se esixía a xornada laboral de oito horas e o cesamento do emprego de nenos en actividades laborais.

En 1910 o PSOE conseguiu o seu primeiro deputado da historia no Parlamento Español, incrementándose o número de representantes posteriormente; pero en 1919 cesou parcialmente das súas obrigacións políticas por mor dunha pulmonía e unha saúde cada vez máis resentida.

Finalmente, morre o 9 de decembro de 1925 en Madrid e o seu cadáver foi embalsamado.

Monumento a Pablo Iglesias en A Coruña

O feminismo e Pardo Bazán

A escritora galega Pardo Bazán, xunto con Concepción Arenal, foi unha das precursoras do movemento feminista en España, e das primeiras españolas en amosar inquedanzas no campo dos dereitos da muller.

Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa foi unha novelista, periodista, ensaista e crítica literaria española introductora do naturalismo en España, nace en A Coruña o 16 de setembro de 1851, e morre en Madrid o 12 de maio de 1921, con 69 anos.

Ao longo da súa obra reivindicou os dereitos da muller dende os personaxes das súas novelas e relatos: a imaxe débil e dependente da muller, criticou a súa marxinación e expresou o seu desexo de crear para as mulleres unha educación e unha formación intelectual igual cá dos homes, xa que máis do 90% das mulleres eran analfabetas. Tamén publicou varios artigos nos que denunciaba o sexismo predominante en España e onde suxeriu cambios a prol da muller; Estas diferentes cuestións de xénero nunca foran abordadas con anterioridade entre os intelectuais españois.

"Este sistema educativo, onde predominan as medias tintas, e onde se evita como un sacrilexio o afondar e o consolidar, dá o resultado inevitable; limita á muller, a estreita e mingua, facéndoa máis pequena aínda có tamaño natural, e manténdoa nunha perpetua nenez. Ten un carácter puramente externo; é, citando máis, unha educación de codia; e se pode infundir pretensións e conatos de coñecementos, non acada a estimular debidamente a actividade cerebral." -Emilia Pardo Bazán

A escritora galega fundou en 1892 a publicación La Biblioteca de la mujer. Tamén, propuxo á Real Academia Española a Concepción Arenal, a Gertrudis Gómez de Avellaneda e a ela mesma, sendo as tres rexeitadas.

Monumento a Pardo Bazán en Madrid

Pardo de Cela.

Aquí falareivos de Pardo de Cela, un señor feudal que se rebelou contra a política dos Reis Católicos e defendeu a soberanía do Reino de Galicia.



Pedro Pardo de Cela Rodríguez de Aguiar e Ribadeneyra foi un mariscal galego do século XV, casado coa filla do primeiro conde de Lemos, Isabel Pérez Osorio, e fillo de Xoán Nunes Pardo, señor da Torre de Cela e de Dona Teresa Rodríguez de Aguiar.

Tras morrer Enrique IV de Castela, o Reino de Galicia atopábase nunha situación delicada, e Pardo de Cela, sendo partidario de Xoana a Beltranexa, enfrentouse á política dos novos reis de Castela, Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón.

Os Reis Católicos emprenden a anexión do Reino de Galicia asasinando as principais familias nobles galegas, pero Pardo de Cela declarouse fiel á soberanía do Reino de Galicia e rebelde á submisión ao Reino de Castela.

Finalmente, logo dunha loita contra os enviados do Reino de Castela, foi derrotado e decapitado fronte a Catedral de Mondoñedo, por orde dos Reis Católicos.



Ver mapa más grande


A continuación, déixovos cun vídeo que conta a historia e a rebeldía deste personaxe:


lunes, 20 de enero de 2014

Recordos da miña familia materna

Nesta última entrada vou falar un pouco da miña familia materna.

Os meus avós maternos chamábanse Maximino Felgar Gato e María Isabel López Fernández. Meu avó naceu en Ferreira (San Sadurniño) no ano 1936, ao comezo da Guerra Civil, e miña avoa en Insua (Ortigueira) en 1932.

Coñecéronse arredor do ano 1950, casaron e viviron un tempo en Ferreira, para despois mudarse a San Ramón (Moeche) e finalmente a Doso (Narón), onde faleceron.


Aquí están os meus avós, Maximino e Isabel ao pouco tempo de casar.

No 1957 tiveron a súa primeira filla aínda que morreu ao pouco tempo, e ao ano seguinte tiveron outra filla (miña nai), e posteriormente tiveron outros cinco fillos.

Viviron unha vida de labregos, aínda que meu avó se dedicaba tamén á construcción.


Aquí un exemplo dos traballos de miña avoa de labrega.

Agora vouvos mostrar un par de fotos duns tíos de miña nai.

Secundina era irmá de Maximino, meu avó, e emigrou moi nova a Inglaterra, onde viviu toda a súa vida.

Secundina
Nesta foto están Secundina, o seu marido e un fillo deles, alá en Inglaterra:


O home da seguinte foto é Paulino, tamén irmán de meu avó, que se foi ata Asturias buscando traballo, casou alí, e viviu alí sempre.


Outro irmán de meu avó marchou de rapaz para Bélxica pero non temos fotos del, nin sabemos nada da súa vida alá, xa que non voltou.


Por último, poño unha foto de Matilde Gato Campos, miña bisavoa, nai de meu avó Maximino.


Os meus avós paternos

Desta vez, falareivos da historia dos meus avós paternos, Jaime López Gabeiras e Clara Romeo Coba.

Tiveron varias cousas en común desde o momento en que naceron, pois naceron o mesmo día e no mesmo ano, o 13 de outubro de 1924.

Meu avó naceu en Abade (Moeche) e miña avoa en Cerdido. Outra coincidencia que tiveron foi que quedaron orfos de pai e nai de nenos, o avó con nove anos e a avoa con cinco.

Pola parte do meu avó xa vos contei algo da historia de seus pais e de como quedou só cos irmáns. Unha vez que os seus pais morreron os seus irmáns máis vellos, Julio e Lino, foron para a guerra, loitando a favor de Franco; as irmás, Lucha e Delfina, quedaron a vivir con dúas veciñas que traballaran para seus pais; e meu avó, Jaime, foi acollido na casa duns tíos paternos en As Somozas, tendo que empezar a traballar desde o primeiro momento que chegou alí, sen ter traballado nunca xa que cos seus pais non era necesario, porque tiñan de todo e vivían ben. Vivindo aquí ao principio pasábao mal por ter que adaptarse ao novo modo de vida. Referente a isto, a miña tía avoa Delfina, non fai moito comentábame que a raíz da desgracia que pasaron, cambiaron a súa forma de ser de nenos, que era un pouco soberbia ás persoas humildes que son hoxe.

Pola parte da miña avoa sei que quedou orfa con cinco anos, xa que morreu súa nai e o seu pai non foi recoñecido. Ela foi criada pola súa tía, Flora, que era a súa madriña, e tamén tivo que traballar desde pequena e aprendeu o oficio de costureira.

Anos despois, meu avó voltou para Abade e viviu cun familiar ata que coñeceu a Clara.

Eles comezaron a verse nas festas do lugar con 19 anos, empezaron a tratarse e fixéronse noivos, estiveron cinco anos xuntos e casaron con 24 anos.

A partir de aquí viviron en Abade, dedicándose en gran parte á agricultura, de feito, o meu avó foi sempre o secretario da sociedade gandeira da comarca. Tiveron cinco fillos, levando unha vida tranquila e feliz, ata que morreu miña avoa no 2012, quedando meu avó que vai cumplir os 90 anos estando perfecto para a idade que ten.

Nesta foto a muller da esquerda é miña avoa, o home da dereita meu avó, a muller do centro é irmá do meu avó, Delfina, e o home ao seu carón é o seu marido. Os catro nenos son meu pai e seus irmáns, aínda que non todos, o quinto aínda viña en camiño.

Vicente e María

Nesta entrada vouvos contar a historia dos meus bisavós (pais do meu avó paterno). Os seus nomes eran Vicente López e María Gabeiras.

Estes son Vicente e María, os meus bisavós.
Vou comezar falando de Vicente, xa que sei un pouco máis da súa historia. Naceu no ano 1870 en As Somozas, arredor de 1890 marchou a traballar a Cuba el só, e unha vez que se asentou e conseguiu un traballo, seu irmán, José, emigrou tamén.

Estivo alí traballando máis ou menos vinte anos, despois, voltou para Galicia, unha vez que gañou ben cartos. Ao pouco tempo, coñeceu unha rapaza, María, casaron, e fixeron vida en Abade (Moeche). Cos cartos do meu bisavó, mercaron unha edificación que era pousada e casa de comidas, e tamén ao lado outra edificación que era tamén pousada e cuadra de cabalos dos transportes de carruaxes que facían a ruta de Ferrol-Viveiro. Estas compras convertíronas noutros negocios, na primeira montaron un bar e tenda que tiña de todo, desde alimentación ata ferramentas ou roupa, sendo a primeira da zona e única durante moitos anos, feito que lles deu moitas ganancias. Anos máis tarde, cando a outra edificación deixou de ser cuadra de cabalos, convertírona en escola mixta, para nenos e nenas.

Tempo despois, José, o irmán de Vicente que emigrara xunta el, veu de visita para ver a toda a familia. Fixeron unha reunión na casa paterna en As Somozas, unha comida á que foron os familiares. Era unha tarde de inverno na que había tormenta, o tío José viña con abalorios de ouro, feito que atraeu un raio que se meteu pola cheminea e cruzou a estancia ata chegar a el e ferilo de morte, sendo o único danado naquel suceso.

Tras a morte de José, seguiu unha época de éxito para Vicente e María, e tiveron cinco fillos, Julio, Lino, Lucha, Jaime (meu avó) e Delfina.

A traxedia chegou cinco anos despois do nacemento da filla máis nova, morreu Vicente, con 63 anos, e ao ano seguinte, María, con 51 anos, quedando os fillos moi novos orfos de pai e nai, e os seus negocios nos que tanto traballaran quedaron sen coidado e abandonados.

Familia López Felgar

Aquí vos deixo a árbore xenealóxica da miña familia, ata os meus bisavós.